ricardomartinez-conde.es
Ecos da néboa

Ecos da néboa

(Trifolium, 2012)

64 pag.

ISBN: 9788493866983

Género: Aforismo
O aforismo é unha incitación á reflexión, “o punto de vista do poeta reflexivo ou do filósofo poetizado”, matiza Ricardo Martínez-Conde, autor de “Ecos da néboa”, un libro para abrir por calquera das súas páxinas na procura sosegada do sentido que se queira dar a observacións como:

As cifras, sobre todo as do mal, sempre serán revisables á alza

¿Haberá que reivindicar a ignorancia como modo de aclarar algunha das graves dúbidas?

Ordenar, contar as follas unha a unha ata conseguir un libro, ata acadar o número de palabras escollidas que, por unha ou outra causa, non chegamos a pronunciar

O dia está feito de sol, de cousas que se tocan coa man, de palabras. Iso axuda a entender, a ordenar, a sentir. Constitúen así a compañía, a paisaxe

Comenta o autor que non é fácil definir que é aforismo: “é como un oco pequeño de luz –di- que pode iluminar un espacio enorme”.

O libro está prologado por Anxo Tarrío Varela.

Estes aforismos de Martínez Conde condensan toda unha filosofía que ten na dúbida dialéctica e no tránsito da intuición ao logos os seus máis firmes esteos.

Os aforismos de Martínez-Conde son experiencias concretas, tiradas de múltiples eidos da vida ou da nosa relación coa realidade.